Manifesto no día da muller traballadora

Manifesto no día da muller traballadora

A MAR , AMAR... SEMPRE MULLERES...


Co gallo da celebración do Día da Muller, a Federación Galega de Confrarías quere render unha homenaxe ás mulleres do mar dos nosos días, as mulleres do 2016 que traballan en ou para o mar e que están a loitar porque o futuro das próximas xeracións continúe a ser, na nosa comunidade, un futuro vencellado ao mar.

No sector pesqueiro artesanal contamos con máis dun 25% de directivas que reparten o seu labor representativo e de responsabilidade co seu labor profesional e persoal. Son máis ca nunca nos órganos de representación e, se pode augurar, que a tendencia é á alza.
A muller, en todos os ámbitos, é cada vez máis participativa e amosa inquietudes fóra do entorno familiar que fan que sexamos quen de asumir postos de representación nun mundo atribuído socialmente aos homes como é a pesca.

As confrarías, sobre todo as que posúen plans de explotación de marisqueo a pé onde a maioría dos profesionais son mulleres, sempre foron un exemplo organizativo interno grazas á loita que elas mesmas levaron adiante.

Hoxe fálase de elaboración de plans de xestión onde se regula a extracción, o control e a venda a través das distintas artes ou pesquerías pero as mulleres mariscadoras en Galicia veñen levando adiante estas actuacións dende hai mais de vinte anos a través da elaboración e xestión dos plans de explotación nas súas propias confrarías. Para elas non son novos termos como cupos diarios, semanais, organización interna, control das vendas, paradas biolóxicas... O marisqueo, as mariscadoras, levan anos tendo en conta o recurso e, sobre todo, tendo en conta o interese futuro da profesión e son un exemplo de responsabilidade profesional.

Ademáis as mulleres do mar tamén son armadoras, mariñeiras, redeiras, peixeiras, traballadoras das lonxas e das confrarías, científicas, docentes, biólogas… en definitiva, expertas que cada día traballamos e amamos a mar.

Todos os días semellan iguais mais este 8 de marzo o queremos celebrar deste xeito especial, lembrándolle á sociedade que o mar tamén ten mulleres.

Continuemos construíndo este fermoso sector e promovendo a actividade pesqueira e marisqueira responsable e sustentable entre todas.

Velaí vai este recoñecemento a todas e este desexo de mellor futuro cara o mar, por nós e polos nosos.

Rita González Sestelo
Técnico da Federación Galega de Confrarías