quen somos

Quen somos
 
As confrarías de pescadores son entidades de carácter económico e social cunha profunda tradición histórica en Galicia, que teñen o seu orixe no século XIII cando aparece a “Irmandade das Vilas e Marismas dos Reinos de Galicia e Asturias”. Desde entón foron evolucionando e adaptándose ás novas necesidades económicas e laboráis, formaron poderosas asociacións laboráis e de asistencia mutua como o “gremio dos mareantes” que se dedicaban a fomentar a pesca, defender os seus intereses e socorrer ós agremiados pobres e vellos e ás familias dos que perecían no mar. Logo perderon o carácter relixioso da etapa inicial para converterse en pósitos de pescadores e máis recentemente recuperan a súa antiga denominación, pasando a ser corporacións de dereito público.

A principal función das confrarías de pescadores é a de actuar como órgano de consulta e colaboración coa Administración nos temas relacionados coa actividade extractiva pesqueira e a súa comercialización, e poden estruturarse en dúas sección: a de orientación e da organización da produción.

A Federación Galega de Confrarías xurde desde as 3 federacións provinciais como unha necesidade de representación única e de coordinación do sector englobado nas confrarías de pescadores. Está baseada nos principios de independencia e autogoberno, sempre coa obriga da representación paritaria entre a parte económica (empresarios) e social (traballadores) e suxeitas á tutela da Administración Pública Galega.